viernes, marzo 30, 2007

A Pita Tola (o bar da LoLó)


Estes días estou tratando de reconciliarme con esta cidade na que xa levo demasiado tempo como para ir desfacendo as maletas. Na procura deses locais para anotar na axenda e levar aos amigos atopei un tesouro, a Pita Tola. Pero o importante non é a taberna, que tamén, senón a LoLó, a taberneira, unha vella coñecida dos meus tempos de troula en Ourense á que tódolos seus clientes adorabamos. Ver á Loló, aquí en Vigo, facendo o caldo cun turbante a xeito de pirata, escoitar outra vez a súa preciosa voz rota e deixarme escrutar pola súa fermosísima mirada lembroume as mellores horas dunha etapa da miña vida. De súpeto apareceron as imaxes do Rataplán, un dos primeiros pubs de Ourense e tódalas esmorgas que tiven a sorte de disfrutar alí, e toda a xente que aínda hoxe son os mellores amigos e aínda máis. Vaia este post por ti, Loló, prometo facerche unha visita cando menos semanal.

Ogallá esta mensaxe chegue a moitos dos vellos coñecidos que poida que anden ciscados tamén por Vigo, agora xa temos unha boa disculpa para vernos de cando en vez.

jueves, marzo 29, 2007

Dúas cartas inéditas sobre a Revolución Francesa

En Murguía, a Revista Galega de Historia, publico dúas cartas inéditas que atopei durante un traballo de organización dun arquivo familiar. A singularidade destes documentos radica no seu carácter totalmente privado. Fronte a rixidez do documento arquivístico público, que sempre fai un relato aséptico de máis, atopámonos nestas cartas cunha proba da repercusión real da Revolución Francesa na vida cotiá das persoas que vivían eses momentos. Concretamente trátase de dúas cartas dun crego que escribe dende unha localidade francesa e dirixidas a una autoridade eclesiástica do noso país nas que da conta de tódolos cambios revolucionarios dos que é testemuña, sobre todo no que atinxe ao estamento eclesiástico. Podedes acceder dende aquí ao texto completo dos documentos.
A carta remata deste xeito tan curioso: "...Ahora mismo llego a la noticia que la asamblea nacional ha dispuesto que las cenisas del famoso Boltaire (que su alma quema en los enfiernos) que sean trasladadas a Paris con la maior Ponpa y se depositen dentro de la basílica de Santa Genobefa a fin de que el honbre mas celebre dese modo sea colocado dentro de la mas Noble Yglesia de este Reino en un Manifico Mausolo. (signo)..."

miércoles, marzo 28, 2007

¿Tan mal está o teatro galego?

Onte pola noite vendo a gala de entrega de premios Maria Casares de Teatro quedei tristemente sorprendida polo ínfimo nivel dun espectáculo no que se trataba precisamente de homenaxear ao rei dos espectáculos. Unha posta en escea pobre e sen sentido que semellaba unha actuación de fin de curso escolar. Tan pronto saía unha cantante sen que ninguén a presentase como un grupo de metais que interpretaban temas e himnos que segundo algún título de crédito (cando se lembraba de poñelo) tiñan algo que ver coa memoria histórica, todo no medio dunha representación lunática cun guión reveindicativo do papel da muller e "amenizado" por un presentador ao que ninguén lle entendía os "chistes". Demasiados premiados que non apareceron e cuxos galardóns eran recollidos pola mesma persoa que xa cansa de subir ao escenario se despachaba con "bueno, xa eu xa non teño nada que dicir, marcho". ¿está o noso teatro tan mal como para merecer esta pobreza?

lunes, marzo 26, 2007

Europeana. A contribución francesa á Biblioteca Dixital Europea.

Europeana é un prototipo de biblioteca en liña desenvolvido pola Biblioteca Nacional de Francia dentro do proxecto de Biblioteca dixital europea. Comprende 12.000 documentos libres de dereitos recollidos da BNF, da Biblioteca Nacional Széchényi de Hungría e da Biblioteca Nacional de Portugal. Pódese procurar por autor, país, data ou lingua e tamén se poden descargar os libros de pdf. Permite tamén ter un espazo para gardar as nosas buscas.

Máis información: Le Monde

viernes, marzo 23, 2007

Antídoto contra eurocentristas convencidos.

Hobson, John M. Los orígenes orientales de la civilización de occidente. Barcelona, Crítica, 2006.
Non é nada novo o chauvinismo que nos caracteriza aos occidentais e a fachenda que nos fai pensar que o noso nivel de desenvolvemento é claramente superior a calquera outra forma de vida neste cada vez menos variado mundo. Ao fío do interesante debate que mantivemos estes días adico este post a un dos grandes do blogomillo. Señor de la highway61, é vostede un grande "conversador". Aínda que non coincido coas súas posturas é unha ledicia ler os seus comentarios e argumentos porque denotan un interese profundo en cuestións tan transcendentes como a tolerancia e o respeto ao "outro". Este libro tiña que ser de lectura obrigada porque constitúe unha investigación documentadísima que desfai totalmente unha grande impostura histórica: a consideración diso que chamamos occidente como o berce da civilización superior. En realidade o progreso desta parte do mundo acadouse, xa o sabiamos, pola vía do imperialismo a a apropiación dos recursos dos outros. Nesta obra revísanse moitos mitos que hoxe son tan intocables como os himnos e as bandeiras: o mito do milagro industrial europeo, o mito dos descubrimentos, o lado oscuro da industrialización británica, o mito do estado liberal-democrático racional de Occidente, en fin, un plantexamento ambicioso pero non novo. Hai outros que moito antes trataron de abrirnos os ollos pero que permanecen ben agachados nos anaqueis das nosas bibliotecas, non son lecturas obrigatorias, nin sequera recomendadas porque tiran a dar e iso de ir por aí "desfaciendo entuertos" semella que é mellor deixalo para trasnoitados e anacrónicos cabaleiros. Estou pensando concretamente na obra de Blanco White, un perfecto descoñecido que xa hai douscentos anos criticaba o atraso do noso país, as corridas de toros, facía crítica literaria e sentía verdadeira repugnacia polo fanatismo dos católicos. Unha rara avis da que algún día, quizais cando mude o sentido da rotación da Terra, nos lembraremos con orgullo.
Hobson, John M. "Los orígenes orientales de la civilización de occidente". Barcelona, Crítica, 2006.

miércoles, marzo 21, 2007

Dia da poesía...imos probar...

Foto de Man Ray A face of anatomy
Unha paixón
inducida
unha sobredose
de dopamina
inxectada
sen pensar,
como fan os rapaces,
asi,
por probar,
probar
que estou vivo,

probar sensacións,
esquecidas,
meter a cabeza
baixo a agua e non saír
ata case afogar
o que non sabía
era esta maldita
reacción
do corpo,
da alma,
da mente,
esta anguria,
esta especie
de mono,
non inducido
agora,
o que toca
e deixar que o reloxo
faga o seu traballo,
ou voltar
ao comezo
e sen querer aprender
.....nada.....
...nada...
.nada.
Besbellinha lembrome que hoxe tamén é un día internacional de algo, e como son atrevida de máis comparto con vós uns versiños.

martes, marzo 20, 2007

Unha soidade demasiado ruidosa, de Bohumil Hrabal


Un texto dunha beleza e profundidade case insoportables...só tendes que ler o comezo para decatarvos do que digo, e así as restantes cento dúas páxinas.

Levo trinta e cinco anos traballando con papel vello, e esta é a miña "love story". Trinta e cinco anos prensando libros e papel vello, trinta e cinco anos enzoufándome con letras, de xeito que semello unha enciclopedia, unha máis das moitas que levo prensado en todo este tempo, polo menos tres toneladas, veño sendo coma unha xerra chea de auga viva e morta, abonda con que me incline un pouco e xa rebordan os máis fermosos pensamentos, fíxenme culto sen querelo, de xeito que xa nin sei que ideas xurdiron de min e son verdadeiramente miñas e cales lin nalgún libro, de feito o que acontece é que durante estes trinta e cinco anos fusioneime co mundo que me rodea, porque cando eu leo, a verdade é que non leo, senón que petisco co bico unha fermosa frase e métoa na boca, zugo nela coma se fose un caramelo, sórboa coma unha copiña de licor e chúcha coa lingua ata que se disolve nela coma o alcol, e unha vez disolta chega un momento no que non só me alcanza o corazón e cerebro, senón que circula polas miñas veas ata as raíces mesmas dos vasos sanguíneos. (...)

Esta foi unha lectura recomendada por Rubén. Grazas pois a él e a Rinoceronte que segue a facer traducións de calidade da mellor literatura. Aínda estou moi impresionada coa lectura deste texto que unha acaba lendo como...(ver o texto arriba en negriña).

viernes, marzo 16, 2007

!Parabéns Mario!

Coñecín a Mario con motivo do conflicto laboral que tivemos parte do persoal da Universidade de Vigo porque nos fixo unha fotos impresionantes. Agora, paseando pola súa páxina descubro esta outra obra súa que quería compartir con vós.
Dedico este post a R.R. Veño de rematar coa lectura da súa obra Limpeza de sangue que ten moito que ver coa fotografía.

miércoles, marzo 14, 2007

Pois non don Ramón, en Galiza non debemos ter ningun Barceló....


Pois vai ser que non Don Ramón, vai ser que non é por non ter artistas galegos de calidade, vai ser que Francisco Leiro, por poñer só un exemplo, é un pailán que só o coñecen en Nova Iorque, que fais cousas tan horripilantes como ese Sireno de aluminio que vixía e amola aos vigueses que pasean pola Porta do Sol, vai ser que aquí en Galicia os cartos destinados a cultura son para proxectos supermegaultradelaostia (con perdón), para que as futuras xeracións de galegos non só lembren de Oestrymnios e Breogáns senón tamén de Don Manuel e sucesores, ou vaia vostede saber, Don Ramón, ao mellor é que en Galicia temos unha xerarquía eclesiástica moito máis seria e non vai deixar doadamente de seguir investindo outros cinco séculos máis no filón do xacobeo. Ademáis, empezamos a modernizar a imaxinería relixiosa e mira ti o que pasa.

martes, marzo 13, 2007

Beatriz Dacosta.














Beatriz Dacosta é a autora destes tres libros, e este o seu fermosísimo espazo. Coñecín a súa obra grazas á recomendación que me fixo o libreiro de Andel nunha das múltiples feiras do libro en que coincidimos. Xa hai tempo que sei por Fran Alonso deste blog, pero ata hoxe o rato non tivo a ben pararse neste paraíso gráfico e visual, non vos esquezades e engadide este novo enderezo aos vosos favoritos.

lunes, marzo 12, 2007

O blog de Saad Eskander director da Biblioteca Nacional do Iraque

Noutra entrada na que falaba sobre a destrucción de libros fixen referencia ao caso do Irak e a apocalíptica destrución da súa biblioteca. Agora parece que o director da Biblioteca Nacional dese país (...mellor dicir ou mellor dito, os seus restos) ven publicando un blog que podemos ler en castelán vía El País. Paréceme moi importante seguir esta fonte de información. Aquí vos deixo a ligazón.

viernes, marzo 09, 2007

Lembranza de Carlos Casares


Ilustrísima:
Hai xa cinco anos que vostede abandonou a marxe deste país de palabras. Dende entón teño que dicirlle que un Polvo Xigante de anguria ameaza a cotío a Conciencia de Galicia porque aparte de Sarmiento, Fole, Fermín Bouza, Otero, Piñeiro, Don Vicente...quedaron moitas conversas por manter, moitas Laranxas por pelar e sobre todo moitas Historias por contar. A Semente Aquecida da Palabra non tivo tempo de agromar en novos Contos de Xustiza, que só quedaron esbozados como Os Oscuros Soños de Clío. Os Mortos de aquel verán non tiñan que ter tanta presa en levalo canda eles, total Deus seguirá moito tempo sentado no seu sillón azul....



Grazas a Marcos Valcárcel por terme convidado a esta fermosa lembranza de Carlos Casares. Aquí vos deixo unha pequena recopilación de ligazóns relacionadas coa súa vida e obra.

C.Casares na Biblioteca Virtual Galega.
Consello da Cultura Galega
Fundación Carlos Casares.
C.Casares en Culturagalega.org
Na Wikipedia
En lg3 Portal de Literatura Galega
Ficha de C.Casaren en Xerais.
Casares en Editorial Galaxi
Entravista en La Voz de Galicia (2001)

Outras ligazóns:
Ourizo azul
Imaxes de Casares no Google

Nas bibliotecas e centros de investigación.

Biblioteca da Universidade de Santiago
Biblioteca da Universidade de Vigo.
No Instituto Cervantes
Proxecto Meiga

jueves, marzo 08, 2007

Vivir olvidando cada día...

(Foto de MAN RAY:Primacy of Matter over Thought.1929.Cut-out gelatin silver print on paper. Baltimore Museum of ArtMan Ray)

lunes, marzo 05, 2007

Rubén Ruibal


Rubén Ruibal foi unha das primeras descubertas neste fantástico mundo dos blogs. O seu espazo sempre estivo nos meus favoritos porque os seus textos teñen unha frescura especial, de xeito que visitar Alicia Crece é como ir a tomar una boa cervexa cun bo amigo. Mágoa que os teus "centoliños" non te deixen máis tempo para nós. Hai uns días que lin unha entrevista súa na Revista Galega de Teatro onde fala das miserias da nefasta política cultural da nosa administración sobre todo no tocante á producción dramática galega. Malia ter gañado o XIV Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais, unha ampla experiencia teatral e ter traballado co mestre Vidal Bolaño, Rubén non pode vivir do teatro. Non hai cartos para garantir a supervivencia dos nosos creadores, pero si que abondan para soterralos no monte Gaiás ou noutros fiascos culturais. Aproveito a ocasión para recomendarvos a lectura de "Limpeza de Sangue", co que acadou ese premio.














viernes, marzo 02, 2007

Te quiero.


Foto: Dorothea Lange Migrant Mother
Hoy me han clavado otro puñal
debe ser el estómago
esto que sangra...
y siempre hay sitio
para otra herida
para otra pedrada
para otra desilusión
para otra muerte.
Esta de mi madre
que está ahí pero
no
no seré yo quien la soporte
no
no seré capaz de olvidar
los días de miedo
los días de golpes
los días de abrazos
no seré capaz de ser
como tú
imposible tanta entrega
pero
no seré capaz de ser
como tú
insoportable tanto rencor.
Ojalá descanses
y seas feliz
y vivas una vida nueva
sin mi.
Te quiero a tu pesar.

Recursos na Rede para investigadores.

Neste post de ECuaderno hai unha interesantísima recopilación de ligazóns relacionadas coa investigación.

jueves, marzo 01, 2007

Amizade.

Imaxe da esquerda: Two Women by Egon Schiele
Imaxe da dereita. G.Klimt, Girl Friends
Sempre me rifas polo mal que emprego algunhas palabras. O que máis te amola é a gratuidade coa que utilizo unha que para ti semella un talismán, amizade. Seguramente tes razón e todo é cuestión de necesidades. Estes días nos que os anxos xacen mortos e os trasnos brincan arredor de min ti axexas o meu soño e me coidas como esa nai tan grande que teño aínda que se esquecese de min. Eli, espero saber estar á altura cando chegue o momento.