viernes, octubre 31, 2008

Tódolos días ao sol...se pode ser


Pola fiestra da biblioteca deserta albíscase un solpor que promete caloriña e tranquilidade para a fin de semana.
A foto é dun verán que veu no seu tempo no que disfrutamos abondo do
"laisser passer, laissez faire"
¡BOA FIN DE SEMANA E PRÓSPERO NOVO LUNS!..e como diría a miña querida V.....SÉxanmE deSORganizadaMENTE felices!!!!

miércoles, octubre 29, 2008

Resposta a Daniel Dominguez

Coa que o tal Daniel Domínguez non conta, pois os medios escritos teñen, aínda, ese privilexio de non ter que agardar resposta. Non se crea debate, diagamos, dos que gostamos os onfalodeprenarcisoides que escribimos nun bló. En fin, que o conto é que veño de ler unha crítica deste D.D. en Tempos Novos que me deixa perplexa. Mea culpa por ler xornais "serios". E non é porque Os mirasoles cegos me pareza unha obra mestra do noso cine, do que estou máis que segura, por certo, é o atrevemento deste periodista para desbotar unha obra e calificala de "película morta" baseándose en criterios totalmente externos á propia película. Quero dicir que nen sequera critica a película, senón erros de adaptación, de elección de metodoloxías de traballo, de localizacións, de guión, de casting...pero meu D.D. ¿vostede no cine vai libretiña en man para tomar nota do maior ou menor grao de adaptación do guión á novela orixinal? Ten que mudar de prácticas, prégollo, ou se nón, non escriba crítica de cine, por favor. As "pelis", coma os libros, coma un cadro ou coma unha composición musical responden, ou deberían responder, a moitas...digamos "maquinacións" do autor, pero nunca a obrigas e lealdades forzadas con textos previos, aínda que sexan de tan enorme calidade coma os relatos de A. Méndez. Querido Daniel, vexa vostede outra vez a película e pense que é vostede un cidadán máis pedrestre (quero dicir dos de a pé) e disfrute con cada escea (si, si, tamén coa da masturbación sacertotal) por exemplo, coa primeira na que o cura maior recolle a arma que entrega Salvador...¿non ve aí nada de nada? ¡non o podo crer! malia todo si que albiscou a impotencia de Javier. Por certo, impotencia...sexual ¿non si?...ah! bueno.

martes, octubre 28, 2008

Un salvoconducto

Houbo un tempo no que se precisaba permiso ata para ir de Orense a la región gallega. Non foi no tempo da guerra dos cen anos mais a miseria non sabe de cronoloxías e lugares. Velaquí tedes un curioso documento que apareceu na carteira. Estou máis preto de coñecer ao seu propietario, aínda que dubido moito que poida devolverlla persoalmente. Terei que pensar na súa descendencia, ao mellor agradecen o detalle. De momento recollo pistas e trato de reconstruir unha pequena historia familiar xuntando os vellos papeis que A. recolleu xa hai anos naquela casa fermosa na auriense de Reza. Paco, xa sei onde foi mercada a carteira. Nun dos seus petiños apareceu este selo da xoiería ¡¡¡ ESPINO !!!...menudo chimpo peguei cando o vin. É o negocio dun grandísimo amigo do que moito teño falado xa. Agora gardarei este papeliño dourado coma un tesouro.
[P.D. Solmisación]

lunes, octubre 27, 2008

Solmisación


Allegro ma non troppo
manancial de tonalidades
intervalo forte fortissimo

contrapunto das idades

troiana contemporánea
labiríntica armonía
blefarite de bágoas



sábado, octubre 25, 2008

Sconosciuta, Tornatore


Bo acerto de Tornatore, e son moitos, a escolla de Ksenia Rappoport, unha perfecta sconosciuta, para o papel de Irena. Tódolos ingredientes do thriller adobiados cunha banda sonora musical que empurra coitelos e racha feridas que se fixeron para non cicatrizar nunca. A espeluznante actualidade do esclavismo feminino posmoderno que mercadea coa carne máis tenra. Mozas que fuxen dunha pobreza material cegadas polos lóstregos dun paradiso que lles ofrece traballo, cartos, diversión e felicidade de balde. Porque non valen nada. Mulleres que son tamén productos con data fixa de caducidade, coma todos os que ten que fabricar este sistema líquido que se ten que atragoar para non morrer dunha enchenta. Película moi recomendable. Perdónanselle os efectismos propios do thriller.

miércoles, octubre 22, 2008

Mellor....esquecer...

[Foto: Faro de Vigo, 22.10.08]


Lembrar aquela represión sempre provoca a náusea, mais a súa persistencia nestes días é insoportable.Esta repugnante noticia de hoxe sobre a represaliada Urania Mella só da conta da deshumanización total dunha clase política que cada día da máis medo. Aproveito este post para recomendarvos a lectura desta esquecida alfaia bibliotecaria que dorme nos anaqueis do depósito da nosa biblioteca tan profundamente coma toda a polícroma clase política que ten a desvergonza de protagonizar atos coma este.
Que Concepción Solleiro lle chegue o azo dos sentimentos da boa xente que hoxe tremen perante esta canallada.
Pista sobre o libro CLIC
Unha lembranza pois para tódalas mulleres que foron víctimas da represión cuxa infeliz existencia coñeceremos moi de vagar....[en castellano]

A voltas coa igrexa....

Malia todo conseguín aparcar. A vella Coruña non esquece aos que aloumiñamos os seus beizos e sentamos tardes enteiras ollando os maxestosos carballos da praza de Azcárraga. O domingo, mentres Alma tremía co seu contrabaixo no Pazo da Ópera visitamos a fermosísima colexiata de Santa María. Non rematas nunca de admirar a beleza do románico e non hai tempo abondo para descifrar as historias dos fermosos capiteis nos que os mestres da pedra deixaron esoutra lectura do verbo que os ameazaba a cotío. Imaxino a aqueles pedreiros desfarrapados facéndolle chiscadelas ao pantocrátor mentres desfacían as mans contra a pedra. E como era domingo quedei un pouco á misa. É ben interesante escoitar aos que se presentan como donos de tódolos discursos. Agardaba a milenaria cadencia da rutineira letanía admirando o vagar co que o militante da miña beira pasaba as contas dun rosario cando escoitei falar de embrións, hipocresía, estatísticas actualizadas sobre a incidencia dos virus e da fame no mundo e de outras noticias de actualidade que tecían un discurso que non sei se era falso, divertido, provocador ou sinceiro, pero en todo caso ben estrano. Alí lamentábanse das respostas decimonónicas e hipócritas duha xerarquía que estaba a favorecer o laicismo e a perda da fe. Ata un destes militantes, ben arporizado berroulle ao micro "¡eu quero ser un cristián alegre, non un cristián amargado"!. ¿unha estratexia? ¿unha nova tendencia/heterodoxia dentro da igrexa? O meu confidente de luxo sobre temas eclesiásticos fala da extraordinaria capacidade da institución para adaptar o seu discurso, pode ser. "Se non che serven os meus principios podo cambialos por outros" ¿lembrades?

viernes, octubre 17, 2008

Cum leituga.

Foto: Mercado de Travesas. Mucha, a miña froiteira.


Os xornais, aparte da crise, só falan estes días de premios, eles son os namberguán na literatura, na economía, e naturalmente na física, química e mediciña. Tampouco houbo sorte na máis lixeira das especialidades. Non tocaba. Hoxe, os xornais falan de J. Beramendi, porque vén de ser o gañador do Premio Nacional de Ensaio. Nos derradeiros 32 anos foron eles os premiados agás en catro ocasións que non se corresponden con outras tantas mulleres porque o premio quedou deserto por tres anos seguidos dende 1984. Vese que non había moito que reflexionar logo da distópica data orwelliana. Celia Amorós é a única ensaísta que pode presumir de única no seu xénero entre tanto varón listo listísimo. Hai pouco, o autor de Festina Lente, contestaba á miña crítica sobre a total invisibilidade da muller na súa obra deste xeito "... a relevancia da muller na sociedade galega daquela época era bastante limitada...", o que quere dicir que a metade da poboación daquel século XVII, prácticamente non facía nada. A miña froiteira preferida, non fai moito tampouco...mais sempre me recibe no seu posto con ese sorriso que hoxe fun quen de roubarlle no máxico momento de mercar a leituga.
Teño pendiente a lectura do Beramendi mais a lóxica obriga. A obra da señora Amorós ten que ser maxistral. Vouna poñer a remollo e ao mellor o luns cóntovos algo. En repouso, logo dunha lectura en punto morto e costa abaixo, está o libro de Murado....[en castellano]

miércoles, octubre 15, 2008

Unha vella carteira....

Foi xa hai uns anos. O xefe coñecía a nosa afeción a rescatar obxectos nas casas vellas. A primeira vez que atopamos documentos "de valor" fóra cando mozos. Colliamos un autobús e iamos de fin de semana pola ruralía. O descubrimento de Pazos de Arenteiro fora unha aventura, tivemos que saír do pobo por pés, inocentes de nós, porque queriamos que un veciño asinase que os papeis vellos que levabamos ían ser depositados convenientemente nun arquivo. Eles pensaron que atoparamos un tesouro e menuda a que montaron. Pero desta vez, o achado foi en pleno centro de Auria. Unha casa boa cun elemento constructivo ben orixinal e que hoxe adorna a finca do xefe. Había de todo, escrituras notariais, tarxetas de visita, fotos antigas, pólizas de seguros, ducias de follas mecanografiadas coas paiasadas daquela Acción Católica á que pertencían as mulleres da victoria...chamáronnos moito a atención as aúreas iniciais que personalizaban a carteira, debía tratarse de alguén "importante", miramos dentro e...to be continued...[en castellano]

lunes, octubre 13, 2008

Aqueles marabillosos anos... e meme...

Cando chegamos xa nos agardaban famentos o resto dos convidados. Non tiña moi claro se debía acudir a unha invitación onde só coñecía as siglas ou alcumes dos que a cotío debatían intensa e profundamente nun bló no que se falaba de política. Tampouco fun quen de rexeitar a invitación de Jacques De La Pièrre cando se identificou como Xaime. Malia non o coñecer persoalmente, a revelación de seu verdadeiro nome mudou radicalmente o contexto e puxémonos a laretar por teléfono coma se fósemos vellos amigos. Os que participamos nestes debates virtuais temos un curioso e atrapallado sentido do pudor se analizamos polo miúdo o noso xeito de identificármonos . O caso é que alí aparecimos A., con esa bendita e paciente desconfianza que o leva a seguir as miñas arroutadas, e eu. Fixéronse as presentacións que correspondían e nunha ollada prexuizosa quixen confirmar as miñas sospeitas. Alí estaban o consello de sabios que destripaban o mundo coa liberdade que da o coñecemento. Mais non foi tal. Quero dicir que non eran vellos. Non podían selo porque na primeira conversa xa fixen a descuberta do día. Ola, ti és Ana Bande, son, pois eu coñezo outra Ana Bande, ¡que curioso!, si, xa sei, ás veces alguén nos confunde e déixanme comentarios trabucados no meu bló, e ¿de donde vés sendo?, pois eu son de Ourense. Neste intre, aqueles ollos grandes xa semellaban facerme chiscadelas e aturdíame un pouco o repentino bater dunhas vellas neuronas contra un mundo novo que ocupaba nada menos que ¡trinta e cinco anos!. Xa os meus ollos tiñan espido completamente a imaxe que eu conservaba de Julio e xa estaba vendo ao rapaz de nove anos que corría para mallar en min á saída do colexio (esto ten a súa explicación pero ímolo deixar aqui). Notei que os ollos de Julio tamén se mareaban un pouco pola violencia deste jet stream que o levaba cara súa infancia. E logo viñeron as emocións, eu lembro como poñías o teu nome no caderno "Ana Maria Bande Bande", dixo Julio, imitando a unha cativa presumindo de boa letra, e eu lembro o listo que eras, non ti eras a máis lista da clase, non éralo ti...bla...bla...bla...e ao noso carón íanse tamén emparellando outros convidados, uns que tamén estudaran no mesmo colexio, outros que coincidiran nos veráns cando as praias do Grove eran o paradiso dos franceses. O mundo, que pequeno e marabilloso pode ser.
A foto. Wally non está pero si que estamos San José e a Virxe María ¿non si J.M.? O primeiro que atope á santa parella terá as copas pagas...coma sempre, no Hipólito que como sei que non ides vir me sae de balde...je...je...e ¡a propósito! ¿non teredes tamén vos unha foto coma esta de canto cativos na escola? ¡veña! ¡a remexer nos caixóns Arume, Rubén, Medela, Marcos, XanDaCova, Lourixe, Lula, Apicultor, Xaime....!

sábado, octubre 11, 2008

O polbo de San Froilan na solaina de Delapierre.

Aquí vai un que quere que lle ceda espazo para poñer unhas verbas:

Tanto San Froilan, tanto San Froilán,... que houbo que ir ver ao Santo. O Froilán estaba alí, coma sempre, co lobo ao seu carón pero tamén estaba Jacques Delapiérre que non tiña nin can nin lobo pero tiña un polbo que estaba para ouvear polas rúas.

Ao abeiro dunha solaina tan agarimosa coma a de Marcos comimos, rimos, emocionámonos case todos ao descubrir que eramos vellos coñecidos e comme-çi, comme-ça, fixemos do mundo virtual unha baiuca onde botar unhas risas. Ata din que este que apareceu polo ceo era o apicultor que non foi quen de aterrar entre tanta algarada...grazas a todxs....


martes, octubre 07, 2008

¡¡¡parabéns Aser!!!

Un expediente agochado nun cárcere, un arquiveiro providencial que atopa pergamiños, protocolos e legaxos a piques de desaparecer coma se fosen ofrendas a un curioso panteón de deuses famentos de papel. Anóbidos, roedores e tódalas especies destructoras da memoria que medran ao abeiro duns funcionarios municipais que para os que o arquivo é o cortello onde arrombar os papeis dos que pagan a contribución. Non me digades que non hai material para encher unha novela histórica desas tan de moda. Pois non, co material recuperado, Aser, coa paciencia e o detalle dun cisterciense, traballou poñer algunha pedras no seu sitio. E de paso arranxar algún sinal que informa aos turistas dunha cronoloxía da ponte ben curiosa. Agardamos con impaciencia a publicación dos traballos que saen deses curiosos acochos. Parabéns polo teu traballo e tamén pola participación nese Congreso.

Parecer ou non parecer

Xa os filósofos máis atentos falaron abondo do modelo do simulacro e a hiperrealidade ...máis coa burbulla económica a piques de rebentar seguimos fielmente o guión de eternos personaxes secundarios a gusto con este papel de espectadores irresponsables e irreflexivos que malia conscientes da propia intranscendencia seguimos na teima de aparentar, o que sexa pero aparentar. Aparentar ter saúde, aparentar estar en forma, aparentar estar á ultima moda, aparentar ser liberais, aparentar ser conspiradores, aparentar ser eternamente mozxs, ¡aparentar ter lido tódolos libros!, aparentar ser felices, aparentar ser solidarios, aparentar estar ao día, aparentar parecerse a apariencia de ....é propio dos períodos iniciais das crisis máis severas o facer coma que un non se entera de nada e seguir cos rituais ordinarios, coma aquelas familias xudeas nas cidades a piques de ser guettos que se negaban a fuxir e seguían cos seus ancestrais costumes, a súa comida kosher con toda a familia, e os seus paseos por unhas rúas cada vez máis ateigadas de olladas reviradas contra eles. Nós ao noso, a mercar a comida do gato, planificar as próximas vacacións, se non pode ser a Venecia, pois a Palencia, coller os baixos aos pantalóns, escribir un post sobre memoria histórica e pasar o ferro ás putas sabas que non dan marchado do salón.....mellor facer coma que non vemos nada, coma se os nosos non aforros non minguasen no banco, mercar, mercar e mercar, ¿non é todo psicoloxía? pois aparentemos, que a bolsa non se asuste....