domingo, marzo 29, 2009

The Reader.

Decateime dende o comezo que a presenta absoluta da Winslet ía esixir un esforzo especial cara aspectos nada secundarios do relato mesmo e de matices a nivel de interpetación que farían obrigada unha segunda visión do filme. Da Winslet está todo dito, e aínda coido que son poucas as louvanzas que merece esa especial complicidade coa cámara que non cansa do seu corpo e a súa ollada. David Kross, o mociño Michael Berg, o lector, vaise escribindo a modo, e dende a páxina en branco da virxinidade inicial vanse sucedendo esceas de intensa paixón que deixarán pegada nun home bo, pero tamén covarde, no que albiscamos a posibilidade dese mal absoluto que xa tiña que estar redimido. Hanna representa o incomprensible, o propio xenocidio, e dende unha personalidade rica pero doada e ata diríamos estandar, podemos entender ata o máis horrible. Só con Primo Levi xa temos a chave para entender ese porque que se magnifica como símbolo dunha hipocresía universal tan revirada coma a propia solución final. Mais Michel Berg somos nós, os que temos que atopar o xeito de vivir coa banalidade do mal, que explicara Arendt, o sabérmonos incapaces de distinguilo do ben, e polo tanto de sentir culpa ou remordemento nengún. Bruno Ganz, Rohl, é un profesor universitario que carga co peso da derrota perante unha explicación tan científica coma infame. A xustiza, a lei, os supostos principios organizadores da polis en cuxo sacrificio se ofrecen agora os seus cidadáns. E hai moito máis e bo nesta adaptación do relato de Schlink...

sábado, marzo 28, 2009

I cried for you.

Temazo de Katie Melua e impresionante video que me descobre A.



¡boa fin de semana!

Grazas por lembrarme que nunca vas loitar por min.
(Su Li-zhen)


69.997 visitas?....ei...grazas e o que faga as 70.000 que avise que sempre hai premio.
Bicazo a tódxs

miércoles, marzo 25, 2009

verbas...verbas...verbas....


Lidas, susurradas, cravadas, debuxadas, escritas, ensarilladas, gravadas, pintadas, penduradas, soñadas, rexeitadas, escritas, tatuadas, inéditas, molladas, cuspidas, adicadas, illadas, inspiradas, excomungadas, deitadas, encriptadas, agochadas, confiscadas, aguilloadas, segredas, premiadas, reservadas, pensadas, rescatadas, esculpidas, cantadas, as irremediablemente perdidas...

Adicado a Lucía T.F. a preciosa rapaza que fixo a foto e que tivo a amabilidade de lembrarme que lla roubei sen permiso.

lunes, marzo 23, 2009

Gran Torino.

A pésima dobraxe case consigue outra vez estragar o filme. Foi preciso un duro exercicio de reconfiguración da percepción auditiva para degustar medianamente a historia. Agardaba máis música sendo o director un grande experto e amante do jazz e soupo a pouco o delicioso tema central da B.S.O. na voz de Jamie Cullum cando os títulos de crédito, ese momento de incompresible fuxida dos espectadores que dan por rematada a película no mesmo segundo que a música ocupa o espacio da sala. O Eastwood constrúe unha historia aparentemente sinxela pero cicais sexa esa deliberada vontade de caricaturización de roles, psicoloxías, e fenómenos sociais o que nos fai mergullarnos nas cuestións de fondo, que son variadas e intesantes. Velai está o complexo mundo da vida na vellez, a dificultade de compaxinar liberdade, dignidade e autosuficiencia coas limitacións que impoñen os achaques da propia saúde, os repentinos cambios nun entorno dunha violencia de novo cuño e sobre todo as diferencias cos fillos que non saben que facer cun pai cunha personalidad forxada en valores totalmente descoñedidos para eles. A cuase indiferencia destes fillos tórnase nunha frialdade arrepiante nos netos que só devecen polo sofá retro ou o propio Grande Torino, unha metáfora dun pasado glorioso e ao tempo un lastre insoportable que condena a Kowalski a unha desesperada loita entre o sentimento de orgullo de ser americano (velaí tódolos simbolos desa paixón que alimentan aínda a xeracións de excombatentes) e o daimon interior que lembra cada día o altísimo sacrificio que se tivo que pagar por ese dereito a sentirse parte do país das liberdades. A asunción da culpabilidade de ter matado mozos inocentes en Corea non deixa moito marxe a Kowalski cando asume o seu eterno papel de tipo duro ao máis puro estilo Harry el Sucio e velaquí ven o punto máis débil do relato, a claudicación fronte á igrexa na asunción dun papel de redentor en toda regra, cos seus estigmas e a súa crucifixión. O director, actor, productor enche a pantalla de principio a fin e nun alarde de narcisismo moi de agradecer, C.E. recupera a ollada durísima e o seu emblemático xeito de cuspir ao tempo que se amosa espido sen pudor nunha escea de baño ou permite un achegamento insual da cámara nuns primeirísimos planos que amplían e dignifican enrugas e cicatrices.


viernes, marzo 13, 2009

I´m all right

de súpeto estourou a primaveira

acordaron músculos e tecidos

saíron verbas agochadas nas cavidades fechadas dende o comezo da estación escura

moi a modo o corpo afíxose á caloriña e deixouse facer...

Deixádevos contaxiar pola ledicia da marabillosa Madeleine Peyroux

Boa fin de semana!!!

jueves, marzo 12, 2009

Esperanza Spalding...deliciosa!

Para Alma

Estas deliciosas achegas musicais teño que agradecerllas a Gabriel, unha promesa en moitos eidos da nosa cultura da que teño a sorte de disfrutar a cotío, en pouco tempo será grande, moi grande. Sei o que digo. De momento non deixedes de seguir un dos seus espazos. Que fale Gabriel...
Esta rapaza contrabaixista, cantante e compositora é a "esperanza" para moita xente que estuda un instrumento relegado a un curruncho da orquestra clásica ou a formar parte da base rítmica dalgúns ostinato jazzístico, agás honrosas excepcións (clic e clic). É unha mostra de que os límites están nos instrumentistas non nos instrumentos. Se unha cousa non se fixo ata o de agora, non significa que non se poida facer. O límite é a creatividade e facer unha música honesta con un mesmo, certamente algo complicado hoxe en día.

miércoles, marzo 11, 2009

Slumdog Millionaire

Perro millonario de tugurio. Válido filme como recurso didáctico mais totalmente prescindible como experiencia cinéfila. A estructura narrativa seguindo o ritmo de preguntas do famoso programa concurso resulta pesada, aportando ademais unha carga suplementaria de inverosimilitude á historia. O ritmo moi dinámico, que xa é marca de Danny Boyle, impónse xa dende a persecución inicial con movementos de cámara bruscos e tomas cenitais que serven para situarnos no labirinto multicolor da miseria de Bombay. Nestes momentos aparecen as imaxes da tortura de Jamal, que, dito sexa de paso, resulta gratuita e ata diriamos que non ven moito a conto. Dende aquí o filme perde forza e as expectativas iniciais redúcense. A magnífica transición técnica entre as imaxes de cine e televisión teñen o seu lado perigoso polo excesivo interese do tema concurso en detrimento da historia. Tampouco resulta convincente o carácter supostamente reveindicativo da mensaxe. O emprego da violencia infantil pódese converter con facilidade nun mero recurso para atrapar ao espectador en detrimento dun aspecto reveindicativo que en teoría é o que anima o filme. Os episodios das arrepiantes prácticas de mutilación de nenos para convertilos en exércitos de mendigos mercenarios-esclavos das mafias non están tratados coa rigorosidade que esixe este triste panorama. Non se disimula unha falsa pose de humanitarismo e concienciación coa pobreza que teñen moito máis que ver co marketing da película que cunha verdadeira toma de conciencia co tema da pobreza. E se non é así, só me queda pensar nun tremendo erro de comunicación que non sería moi propio dun director xa consagrado. Sen embargo como recurso didáctico, o filme non ten desperdicio. Pódense suscitar ao seu abeiro interesantes reflexións sobre a percepción da miseria e a pobreza por occidente, por exemplo, o concurso de televisión como a grande ilusión, como porta de saída da miseria nos países pobres pero tamén como vía de escape ou referencia nos países ricos (estou a lembrar O Concursante, do xovencísimo ourensán Rodrigo Cortés). En Slumdog Millionaire non hai pescudas interesantes ao marxe do tópico e a polifonía cromática que envolve a historia debuxa mesmo un edén ao que nos gustaría fuxir. A excesiva presenza do real pode perturbar doadamente a multitudes famentas que para sobrevivir cada día inventan ilusións ou as mercan ao prezo de saldo que lles preparan os sus dirixentes políticos para tallar de raíz calquera intento de sublevación contra a condea da miseria. Slumdog millionaire, "perro millonario de tugurio", non vai moito máis alá dunha bonita historia de amor coa miseria como música de fondo. Non ao revés, como semella que debe ser vista. Que na marxinalidade hai máis dignidade que na quinta avenida non é un descubrimento novo. No filme trabállanse e depúranse os elementos susceptibles de provocar reaccións nun espectador nada propenso a ir a sufrir a unha sala de cine. Velaí entón a excelencia da fotografía e o xogo coa beleza duns personaxes de rasgos exóticos e cativadores. Se engadimos a pegadiza e atractiva música bollywodiense e a romántica loita de Jamal pola belísima Latika temos os ingredientes básicos para unha deliciosa historia para adolescentes.
Foto: Establecemento bancario na Illa de Esna, Exipto.

viernes, marzo 06, 2009

Vertixe

Para A.

Vertixe, verbas, fabulación, confabulación, apnea, punto e coma, paréntese, silencio, insomnio, alcume, polisemia, catarse, consoante, consoante, vertixe verbal, verbas virtuais, vertixe virtual, conexión, desconexión, rexeitamento, desfalecemento, autofabulación, insomnio, puntos suspensivos, consoante, consoante, consoante, consoante...


Música: BSO do filme Desexando amar de Wong Kar Wai
Fotografía de María Jesús Fariña Busto: "A destrucción de Afrodita"

¡boa fin de semana!

miércoles, marzo 04, 2009

Un bo día

Hoxe foi outro bo día...un puxo música, outro letra e outros máis as verbas e agarimos que desexariamos repartir entre uns cantos...
Ben altos eses altofalantes!!! Grazas a G. pola música e a A. pola letra.
...nas medias horas dunha longa noite debuxou co seu corpo mil formas que non duraban nin un segundo...pola mañá ollando o lenzo recuperou a visión dunha obra que mesturaba formas e cores de modiglianis e moores. En días coma aquel todos se lle achegaban atraídos por unha irresistible forza que os baleiraba de prexuizos e M. sentía case vergonza pola súa felicidade...
PD. E outra alegría...¡¡¡hai actividade na interprais de Rubén Ruibal!!!

lunes, marzo 02, 2009

Escherpolitic

Os resultados da pasada xornada electoral xerarán unha enxurrada de discursos onde sesudos politólogos e analistas verquerán o xarope resultante da destilación/deconstrucción das causas do que nin os máis optimismas conservadores se atreveron a pensar. DoUs pasos atrás, imos facer as maletas, involucionismo, o de sempre....as eternas ladaíñas. Un final de liga no que ninguén cuestiona a saúde xeral dun corpo enfermo ao que se pensa curar coa simple expulsión do míster. A miseria da política, a mesma que fai fregar as mans das moscas alternativamente gañadoras é doada de analizar para os tamén altamente cualificados casemileuristas que non teñen tempo de ollar editoriais de marcas blancas. Votamos moitos e votamos maioritariamente pouca ideoloxía, segundo presumen algúns. Votamos involución seica porque preferimos males coñecidos, baltares de toda a vida cos que xa case almorzamos a gusto. Atopámonos cómodos nesta cinta de moebius na que nos saudamos centos de veces ao día. Para rachar coa complacencia de ser perdedores dun xogo archicoñecido non abonda con repintar o taboeiro ou repartir outra vez cartas. Teríades que ter a afouteza de rachar coa baralla amosando ben as súas marcas e reescribir en limpo as normas do xogo, pero sobre todo non descansar ata comprobar a súa asimilación por tódolos xogadores. Pero Eolo campou a gusto mudando a paixase e a banca deixou en pelota picada a todos os que apostaron un patacón de máis. Algunhas formigas precipitáronse máis as outras disimularon e seguiron avanzando cara a....
P.D. Como catarse para este día de paixón propoño reflexionar ao abeiro da proposta do señor das lándoas. CLIC.