martes, octubre 26, 2010

PAPARRUCHAS!



NON SE PODE realizar carga e descarga...
NON SE PODE acceder á rúa...nin á praza..
NON SE PODERAN ubicar mimos, postos de venta, medalleiras, nin artistas de rúa no Casco Histórico.
PERO SI SE PODEN rexistrar e vixiar aos/ cidadáns mediante "pantallas.... que o arcebispado instalará no interior da Catedral, San Martiño Pinario e Colexio A Salle, así como no paseo central da Alameda, praza do Toural, praza da Quintana e praza de Cervantes.
O QUE NON SE PODE, POR PARTE DUNHA INSTITUCIÓN DE GOBERNO COMO É O CONSELLO DE SANTIAGO E INCUMPRIR O PRINCIPIO DE LEGALIDADE ESTABLECIDO NO ART. 9 DA NOSA C.E. RESTRINXINDO ILEGALMENTE DEREITOS FUNDAMENTAIS CUNHA ORDE DE RANGO INFERIOR AO QUE PRESCRIBE A PROPIA CONSTITUCIÓN.
O QUE NON SE PODE E EMPREGAR OS NOSOS CARTOS PARA PAGAR CAMPAÑAS PUBLICITARIAS DUN LIDER RELIXIOSO NUN ESTADO ACONFESIONAL.
O QUE NON SE PODE E INVADIR O ESPAZO PUBLICO CON PROPAGANDA DUN GRUPO RELIXIOSO QUE É ADEMAIS UNHA MINORÍA (PERDOEN, CATÓLICOS PERO NON CONTO MÁIS DE DEZ DOCE PERSOAS POR IGREXA NA MISA DE DOCE EN CALQUERA DOMINGO, E NON ME VEÑAN CON ANDRÓMENAS DE SE PRACTICO OU NON)

QUE PEQUEN O QUE QUEIRAN, TEÑEN PASE ESPECIAL PARA O SEU CEO, PERO A LEI A CUMPRILA COMO TODO DIOS (UI PERDÓN)

AH...TAMPOUCO PODEMOS MANIFESTARNOS OS QUE NON AGARDAMOS AO PAPA, MENUDO ESTADO DE DEREITO, DEUS NOS ASISTA!

A Asociación ESCULCA ten presentado un recurso contra estas medidas pero algo me di que tururú tururú!

Foto: unha postal que atopei no Trampitán aos que dende aquí saúdo fervorosamente

viernes, octubre 22, 2010

Incontinencia suma

Pois eu cada vez que leo/escoito estas incontinencias verbais por parte dos nosos prohomes sinto un alivio enorme. Cada vez que un destes paxaros deixa correr a verga (agggg, quería dicir, verba seriously) perante a primeira femia que se lle meta no que sempre pensou que era o seu territorio, é coma se un enorme veo se erguese de socato deixando co cu ao ar a toda a machovaronía cutre e reptiliana que fala en nome de todos e todas. A prepotencia de xénero estoura de cando en vez nos individuos que, precisamente pola súa posición de poder, terían que ser referentes para o conxunto da cidadanía que gobernan. Así que, para as mulleres, repito, é unha sorte, que estes individuos se quiten eles soíños as carautas de homes bos de xeito natural, sen que ninguén lles tenda unha trampa. Porque deste xeito queda ao descoberto que o que realmente pensan é que son eles os únicos que xogan, que no seu día a día, nos, só lle servimos para quecerlle a entreperna aos elixidos que nos van gobernar ad aeternam. Quédame cada vez mais claro que á machovaronía reinante quédanlle os días contados. Tanto ten se son douscentos meses ou doscentos anos, pero quédanlles un par de telexornais. Porque, vamos a ver, amigxs, independentemente desta pavada do alcalde de Valladolid, o certo é que, a nos, ás mulleres, digo, nunca se nos movería unha neurona do seu sitio nunha toma de posesión, aínda que fose o mesmo Apolo en tanga o que xurase o cargo ¿non si? E aínda que tal fecho aconteçiese, non pregonariamos tales desafueros en altas boses cuemo suelen facer esas gentes torsidas que gobiernan nuestra republica. Pois eu, señor alcalde de Valladolid, tamén lle digo, "cada vez que lle vexa a cara e eses fociños...pensarei o mesmo". Ah! mándolle unha foto súa para ver se lle vaixa a comezón e pode seguir dando(lle) a vara, polo menos a ver se así aguanta ata as próximas eleccións.
Nom lembro quen fixo a foto...alguen sabe?

viernes, octubre 15, 2010

boooooooommmmniversidade!

O curso universitario comezou, seica, pero a A. non se lle presentaron os profesores. Están de baixa, polo menos un, dixéronlle. Onte veu D. moi amolada a tomar un café, tampouco atopaba a súa clase. No seu caso non había sequera alumnos. O profesor non estaba no despacho e correu cara a cafetería. Atopouno alí sentado, concentradísimo, dándolle de comer ao gando na súa granxa de feisbú. Hai cousas que non se poden adiar. Dixéronme algúns profes que se me quería matricular en tal ou cal mestrado, que andan escasos de alumnado, e xa se lle van acabando os sobriños. No Faro de Vigo fálase a diario do saneada que está esta nosa universidade e diariamente sae tamén o careto do rector sorrindo á cámara, empoleirado coa súa derradeira operación triunfo. Mercou un campus marítimo que é o último grito en despilfarros hightech e está...como é que se di, que non lle cabe, vamos. Eu tamén tería a miña economía saneadíasima se a xunta me pagase só que fose o 50% da hipoteca e o piso da filla en Santiago. Non, Salustiano, esto non é precisamente sanear, esto e seguir inflando a burbulla da que só ti e o túa equipa van tirar partido. E a xunta prometendo mais cartos, que son os nosos. Para manter xerencias e vicexerencias de luxo con coches oficiais, para vir asinar contratos estrela, deses que só pode permitirse unha grande empresa que ao tempo é unha grande administración. Especial, iso si. Aquí que non veña ningún administrativo a dicir que si lei de procedemento ou que se lei de contratos. Aquí manda o catedrático con máis entreperna, que para iso fixo tanto sexenio de dios en investigación a conta de becarios, fomentosdeemprego, imaisdemaiai e pielevadoaenefalcatruadas. Mentres tanto ¡as cafeterías das facultades baleiras!. P. e A. falan de pechar dentro de pouco se esto segue así. As cafeterías sempre foron os lugares nos que atopar alumnos. ¿onde están? Non hai reducción de profesorado, ao contrario, estánse creando prazas para impartir materias nas que xa hai catro veces máis profesores que alumnos, pero tranquis, di o Faro de Vigo, a nosa universiade está saneada... Ai Salustiano, eu a ti si que te Mato ¿non era? todas rendidiñas aos teus pes, tomando un groliño de coñá e poñendo cara de vicio ¡M.C.N.H.! e aínda quedarías calvo coa campaña aquela, que por certo ¡que rápido desapareceu da rede! ¿non? en fin, amigos, que cando a derradeira camada de titulares chegue ao cumio da súa carreira será cicais para deseñar alumnos virtuais, porque os de carne e oso non sei andeandarán, pero por aquí, pola facul, dende logo, non. Agora ben, eles non terán problema, os titulares, digo. Cando non teñan alumnos serán os primeiros en querer facerse cargo do mantemento dos edificios.
Foto: grafitti nunha rúa de Granada

miércoles, octubre 13, 2010

esas yndias equivocadas y malditas, Rafael Sánchez Ferlosio

Esta lectura de Ferlosio, podo asegurarvos que foi a experiencia lectora que me situou no mesmo vórtice da perfección, se é que tal lugar existe ou pode ser imaxinado. Estas yndias equivocadas e malditas dan gañas de berralo na praza pública nun día tan acaído coma o pasado docedeoutubro. Nunca entendín que se celebraba ese día, nin que cousa era esa da hispanidade, por que había que celebrar masacre ningunha nin por que había que rendir homenaxe aos individuos máis dotados para violentar e destruir canto se lles poñía diante. Levamos séculos escoitando a mesma matrácola e as mesmas mentiras sobre a nosa triste historia allende o Atlántico. Seguimos presumindo de ignorantes integrales no relativo a ese outro que xa só sirve para imposturas intelectuais posmodernas. E virán máis anos que nos farán aínda máis cegos, Ferlosio dixit. Gústame S.F. pola súa nobreza, sabedoría, rítmo e mala hostia. Sábese posuidor de que a dúbida pode contra calquera sentenza firme e coa finura do artesán da verba enfía parágrafos que quixera eu aprender de memoria. Gústame cando me perdo entre as súas marcas, e cando recupero a respiración logo de tanto o subliñado é meu. Vou tentando de orientarme nunha trama de deduccións tan condenadamente ordenadas e lóxicas que se non me paro nas comas é por pura vergonza. Pero S.F. sempre me agradece o xesto coa rotundidez da verdade espida e transcrita limpa de afeites e traxes de festa. Gústame a erudición deste ensaísta poeta, o coidado co que desenfía significados ata literalmente erguer as pedras-verbas da deliberadamente intrincada linguaxe administrativa de tódalas civilizacións que se creron superiores. Móllanos o sangue que corre entre as liñas dos repartimientos de obrigada lectura e obrigada execución. A maldade feita verba, unha verba, por exemplo. Coma aquél ofrecióse tan de Cortés, tan de aproveitar calquera ocasión para o propósito que se lle ocorrise no momento. Claro que podiamos enganarnos, podería ser lido como unha convención linguística da época. Pero a S.F. non o enganan as falsas plumas do burdo imitador de Quetzalcóalt. Como tampouco o engana Menéndez Pidal, nin os apoloxetas, nin os articulistas de obrigada columna diaria, nin os malos lectores nin sequera os bois sagrados. Porque non os hai. E falando de bois, ¿sebades como lle chamaban a Santo Tomás?.

viernes, octubre 08, 2010

au revoir professeur!

Vou contar unha historia real sen permiso dos que a sofriron. Pode que teña algún pequeno disgusto por facelo pero se chega o momento prometo apandar co que me toque. En calquer caso, evitarei nomes de persoas e lugares concretos. Hai uns días, na lista de correo dunha universidade, que, todo hai que dicilo, hai anos que ven sendo só un altofalante do máis mediocre tirando á baixa desa institución, aparecía a mensaxe de despedida dun docente por xubilación. Xa se me fixo chirriante o ton de alguén que se despide a si mesmo e loubando a súa carreira coa épica máis rancia dun antigo réxime que se resiste a desaparecer camuflado como anda entre disfraces nacionalistas de toda pelaxe e condición. Facía o home un percorrido pola súa vida profesional destacando aqueles centros que tiveran a sorte de contar co seu maxisterio. O nome do narciso rebulíame na cabeza e víñanme á memoria certas anécdotas que hai anos, cando estudantes, intercambiabamos sobre o maltrato ao que nos someteran os profes cando mozos. Lembrei o horror e incredulidade que sentira cando alguén contou as destrezas dun mestre que, alá pola zona de Monforte, facía marabillas coa goma do butano. Pero sen dúbida, a anéctoda que máis me impresionara daquela sobremesa do piso de Santiago fora a dun profesor cuxa crueldade era especialmente arrepiante. Seica este home tiña entre outros hábitos levar a súa escopeta de caza á clase para limpala ben a conciencia mentres os alumnos facían as copias de rigor. Cando remataba cos labores de mantemento da súa arma, a montaba coidadosamente e apuntaba aos rapaces con ela. Seica era unha broma que algún non vía de moi bo gusto. Volvín ler o correo electrónico e fixeime no nome do profesor. Polo que falaba de si mesmo, era unha autoridade destacada no campo da psicopedagoxía. Sentín coma se me pateasen o estómago. Metín o seu nome no google e atopei un feixe de artigos que falaban de fracaso escolar, de ética na ensinanza e de mil andrómenas máis desas que todos coñecemos. Apaguei o ordenador e metinme na ducha. Esa noite convidárannos a cear uns amigos moi queridos e só quería pensar se era mellor levar un bo viño ou un postre apetitoso. Chegamos a casa de M. e da súa parella e aos poucos minutos de facer as obrigadas presentacións todos tiñamos cousas que dicir, era como se fosemos amigos de toda a vida cando en realidade a relación máis antiga era a que eu mantiña con M. que se remontaba a un ano escaso. A casualidade quixo que as nosas parellas se xuntasen logo de case trinta anos para lembrar antigas anécdotas dun colexio de curas no que estudaran e aí foi cando volvín oir falar das falcatruadas do profesor. Xa non tiña moitas dúbidas da depravación do elemento en cuestión. O mozo de M. ante a miña incredulidade enriquecía o relato con vivencias persoais das que, segundo el mesmo aínda tiña pegadas no seu carácter. Tiña estado interno durante unha década e tivera tempo de aturar todo tipo de excesos por parte do profesor. Coñecía ben o seu modus operandi e ademais non estaba só. Contaba coa bendición e a colaboración do estamento eclesiástico. Seica aínda está en activo. Non, veño de ler unha mensaxe súa na que se despide da docencia. Bueno, o dano está feito. Este home tería deformado e abusado dun bo número de xeracións de mozos e...¿ninguén lembraba nada? ¿na universidade correron un velo tan tupido como para facelo catedrático? podiamos plantexarnos centos de cuestións tan sinxelas como esa pero as respostas son tan repugnantes que case é mellor facer que se esqueceu todo...cala, cala, que e aínda haberá quen che dea caña por manchar a memoria dun eminente profesor, como se os milleiros de rapaces aos que apuntou coa escopeta non fosen nada...
Fotos cedidas amablemente pola amiga M.B.C. que foron coidadosamente gardadas polo mestre dun colexio de Beade. O Museo Pedagóxico de Galiza ¿gardará todos estes documentos? pregunto....

jueves, octubre 07, 2010

e sen non houbese curas....moito mellor!

piti mayáns [II fotobienal vigo ´86]

Carlos Alonso, escenógrafo

Coñecimos a Carlos Alonso hai dous días, foron J.Luis e Loli os que nos presentaron, Hipólito mediante of course. Aquela tarde de folga chovía a cachón e non se nos ocorrería deixar manta e sofá por nada no mundo, agás unha chamada dos amigos para ir ver a Hipólito. Carlos, pódese dicir, ocupou case todo o espazo daquela tarde, o físico e o imaxinario. Denque que arribou á nosa mesa non houbo tregua. Unha certa prudencia e educación mantiñan as miñas gargalladas a raia pero as chiscadelas constantes de J.L. e L. franquearon o paso e as horas seguintes foron pura rexouba. Pedinlle a Carlos que me falase da súa profesión. Nunca coñecera eu un escenógrafo e rabiaba por coñecer un pouco do seu oficio. E entón foi coma o comezo dun terceiro acto dunha obra que fala da posta en marcha dunha obra de teatro. E alí estaba Carlos Alonso facendo de si mesmo para nos os catro. Tiña a paixón e a pulsión dramática dun actor que fai de actor, ou sexa, tiña o xenio duplicado. Prendeu en nós o botón de avance a toda máquina e imaxinámolo cosendo, pegando, inventando, mercando, suando, rompendo, pintando, recortando, e ata durmindo á velocidade do raio. Falounos entusiasmado dunha exposición que estaba preparando na Escola de Arte Dramático e convidounos a visitala. Onte fomos alí e aquela explosión de cores, agullas, teas, maquetas, cortinas, tixeiras, papeis, vestidos e escenarios que nos fixera imaxinar estaban alí convidándonos a meternos noutras peles e a falar por outras bocas. Eu lembrei a outro artesán. Un que coñecín hai ben anos paseando a súa cruz pola rúa Lepanto. Lembro túnicas, lustrosos traxes de almirantes de la mar océana, táboas da lei, enormes liras baixo o brazo de curiosos e inestabeis bardos gregos, e unha procesión de majorettes barbadas que movían milagrosamente a súa variña por aquelas estreitas calellas de Auria. Puro teatro. Menos mal que conservei o orixinal de todo aquilo. Pois iso, ide á ESAD (Polígono de San Paio de Navia) a ver as cousas que fai Carlos. É unha preciosidade.
Foto: Detalle da exposición "Carlos Alonso escenógrafo".

martes, octubre 05, 2010

Avaros

Imaxe: A vocación de San Mateo. Caravaggio. Detalle.

Agggg..relax plis. Veña vai unha de tacaños, a raxar un pouco que relaxa moito. Que verbas máis horribles atopei cando procuraba un calificativo para eses que non pagan nunca. Rañicas, agarrados, amarrados, cotrosos... négome a titular así o post. Os Avaros, si, si, moito máis literario e sutil. ¡como nos sorprenden sempre coas súas intelixentes saídas en canto albiscan o perigo de teren que abrir os seus petos! Algúns son cansinos,certo. Pensade neses que son quen de prolongar indefinitamente a caña con tal de non pagar. Hoxe xurácheste que non levantarías o cu da cadeira ata que o teu amigo se aburra de si mesmo e se decida a baleirar os petos. Juá! Imposible. Durmirían no bar se fose preciso. Resígnaste a facer o imbécil unha vez máis e vas pagar as dúas cañas, caes co sono, xa non aturas máis eses flecos de conversas soporíferas que só conducen a aforrar un euro cincuenta. Ao camareiro fúxelle por entre as gafas unha mal disimulada ollada de compaixón e ti disimulas a carraxe deixando caer con certa brutalidade as moedas ao chan, porque aínda tes unha esperanza de que este rañicas esperte e se decida a pagar mentras ti recolles o solto. De ilusións tamén se vive. En canto te ergues óllalo falando polo móbil. Fago un pouco de ximnasia facial a ver se se me quita a cara de parva, ¿está pago esto?, vale, eran dous cincuenta ¿non si?, aí van. Reprimes un certo impulso a botártelle ao pescozo facendo que contestas ao móbil e...¡que casualidade! ¡é a mesma persoa coa que estabas a falar ti hai un momento!. En fin. Ahhhhhh!. o delicioso mundo dos tacaños. Sacando eses exemplos, que son o pan de cada día, hai toda unha pléiade de avarentos que merecerían a inmortalidade das mans de Moliére. Eses apañados todo a cen que inventan o que non está escrito para adelgazar as súas facturas por debaixo do mínimo. O meu amigo Vicente, por exemplo. O paradigma do estudante apañado. Daquela, como agora, a cousa daba para pagar o piso compartido no Castrón d´Ouro, comer máis ou menos decentemente, fotocopiar os apuntes das clases máis infumables (eran, como agora, case todas, a universidade leva en décadas en franco declive) e tomar unhas cañas un par de días por semana. Algúns, coma Vicente, só saían da casa para ir á facultade, que para as cañas non daba a cousa. Así que un día decidín facerlle unha visita. Nada máis entrar ¡buf!, ¡que cheiro tan forte! ¿Que tes por aí?, puag! ¿gústache?...e un ambientador que atopei moi barato no super, a ver, amósamo, deusssssss…pero se esto é alcanfor, si, ten un nome raro, pero ¿verdade que cheira ben?. Aínda non saíra eu do meu asombro cando o vexo erguerse da mesa camilla e albisco que no canto de braseiro, o meu colega quecía os pes nunha tixola que tiña alí dada a volta. Non puiden evitar que me contara como funcionaba aquel trebello ¡e todo iso sen tomar nada! Primeiro porque non me convidou e, segundo, porque aínda que o fixese tiña eu o estómago tan mareado co alcanfor e o nonseique que saía da camilla que non sería quen de enviar nin un vaso de auga. Tempos aqueles...de miserias de estudantes. Logo están os cutres de alto standing, que son os que me tocan, máis por idade que por nivel de renta. Con estes dóenme os dentes. En serio. Non podo. Teño exemplos a moreas, pero algún é asiduo deste blog así que teño que cortarme un pouco se non quero quedar sen o escaso público que me ri as grazas. Así que deixemos en paz aos amigos e cortémoslle o traxe aos coñecidos. Hai uns días, un profesor engadíusenos na hora do café. Chegou, pediu o seu e en canto rematou o aperitivo, despediuse cun simpático cóbreme la empanadilla. Fíxome graza a “naturalidade” coa que os colegas seguiron a conversa semellando non decatarse de nada. Quedei pampa. Nunca vin tanta falta de ignorancia, que diría o Manquiña. E que esta é a xente que se ten por sabia. Buf...e ¿que me decides dese catedrático que interrompe as súas vacacións para reservar a derradeira novela de Marcos Calveiro, poño por caso? Non, non a temos, está prestada, a devolverán en dez dias, pois resérvama. E devolven a novela e o catedrático non ven buscala. E devólvoa á biblioteca de orixe. E novela vai novela ven durante un mes ata que aparece polo mostrador. Un pouco máis moreno, eso si. ¿como que non tendes o libro? pero se o reservei hai un mes, perdoe pero agora hai que pedila outra vez, pasoulle o prazo. Ah, bueno, pois si, pídema. E así pasa o mes de xullo e o catedrático leva Settecento en setembro. Cun soldo de ¿tres mil? mensuais ¿quen se pode permitir mercar novelas?...e logo está este executivo que...bueno, deixémolo aquí...que aínda me van dar unhas labazadas!

lunes, octubre 04, 2010

Non tal.

Se con pensar referímonos a esa actividade intelectual que redunda no noso beneficio, na felicidade propia dos que eliximos para compartila, se pensar significa para nós o uso libre dos nosos recursos emocionais e racionais en aras da creación, sexa esta unha obra estética, científica ou un proxecto de fin de semana coa parella -que todas esas cousas poden supor horas e horas de cálculo diferencial e de probabilidades- pensar non é gratis. Xustamente é todo o contrario, pensar é dende hai séculos (polo menos dende que algún espabilado inglés deciciu aproveitar aos primeiros senpapeis que sobraban na campiña inglesa grazas as Jethro Tull para empregalos neses miserables galpóns que van facer as delicias do novo modo de produción) un luxo só ao alcance dunha minoría que case nunca é elixida entre os individuos máis dotados da tribo. Cando eu traballaba dez ou doce horas día, os escasos segundos que tiña para pensar -creo que mentres premía os botóns da fotocopiadora- empregábaos nunha soa idea, en fortalecer un só proxecto: impedir que o verme da empresa ocupase todo o espazo no meu cerebro. E aínda así non foi doado. Tivo que ser unha monumental hostia na autopista a que un día puxese as neuronas no seu sitio e me lembrase que había que seguir a pensar, aínda que só fose uns segundos ao día, por min mesma. E pensando, pensando, cheguei a liberarme e decatarme de que o tempo é un ben escasísimo e que non tiña por que ir por aí agasallándoo aos perturbados que comezan o día botándolle un par de pastillas ao café con leite para sacar a lingua de cando en vez do entullo no que viven. Pensar nunca é gratis, aínda que haxa moitas diferencias por sectores e países. Non é o mesmo para unha executiva bancaria de calquera das nosas citis que para unha obreira nunha maquiladora de Juárez, por exemplo. A primeira pode cobrar preto duns 100 dólares hora por non pensar (ou pensár só na conta de resultados da súa empresa, enténdase) e a segunda percibe non máis de 5 dólares ao día por non pensar no perigo que corre a súa vida nada máis baixarse (ou subirse) ao autobús que a vai levar de volta á súa casa na outra beira da loma de San Poleo. Ocórreseme, por exemplo.

viernes, octubre 01, 2010

¿Bravo Sarko! ¡Vuelve Coluche!

(Photo ici)
La délinquance actuelle ne provient pas d'un mal être comme je l'entends dire trop souvent : elle résulte d'un mépris pour les valeurs fondamentales de notre société. La question de la responsabilité des parents est clairement posée. Je souhaite que la responsabilité des parents soit mise en cause lorsque des mineurs commettent des infractions. Les parents manifestement négligents pourront voir leur responsabilité engagée sur le plan pénal. Quand je regarde les rapports de police, et je vois qu'un mineur de 12 ans ou de 13 ans, à une heure du matin, dans le quartier d'une ville lance des cocktails Molotov sur un bus qui passe, n'y a-t-il pas un problème de responsabilités des parents ? Il ne s'agit pas de sanctionner. Il s'agit de faire réagir. De même la question des allocations familiales. Quand une famille ne signale pas que son enfant ne va plus à l'école. Est-ce que cette famille peut continuer à aller au bureau de la Caisse d'Allocations Familiales pour percevoir les allocations, comme s'il ne s'était rien passé ? Je comprends parfaitement que telle ou telle mère de famille, notamment dans les familles monoparentales, soit dépassée. C'est si difficile d'élever des enfants. Mais je ne comprends pas qu'on ne le signale pas au chef d'établissement. Et quand la famille réagira, les allocations familiales qui ne lui auront pas été versées lui seront reversées quand l'enfant ira de nouveau à l'école.
Discours de M. le Président de la République à Grenoble.
Une petit question...comment on peut dire en français "se te ve el plumero Sarkozy?"