martes, noviembre 06, 2012

reseña dun libro que ninguén se atreveu a publicar...

LIMIAR DE CONCIENCIA, a novela de Cristina Pavón

EN GALEGO
EN CASTELÁN
Cristina Pavón é a descoñecida autora dunha novela que desgraciadamente moi poucos van ler. Unha mágoa. Podiamos falar de covardía editorial, de automutilación cultural, de autoodio, e duns cantos estereotipos cultivados coma se fosen rarísimas orquídeas a piques de extinguirse...mais eu voume decantar pola autocomplacencia e disfrutar do exótico feito de ser una lectora inédita que soña que van ler mancomunadamente un texto inesquecible, un relato que xa hai tempo imaxinei convertido en guión nas mans dun Kubrick redivivo...así que confiando en que algúns de vos me acompañedes na xira pola vida e aventuras de CODER...invítovos a coñecer a historia de Limiar de Conciencia, a metahistoria, a prehistoria, a intrahistoria e todo o que a súa autora Cristina Pavón, seica vai ir poñendo no seu blog deContado....larga vida aos blogs!


Con Limiar de Conciencia, a novela de Cristina Pavón, terei sempre unha débeda. Foi un dos manuscritos que tiven que ler cando formaba parte do xurado dun premio literario. A extensión do texto e unhas comprensibles primeiras páxinas estruturadas a xeito de linguaxe de programación fixeron que fora adiando a lectura. Había unha morea de aspirantes ao premio que non me complicaban tanto o traballo. Era máis doado seguir argumentos lineais, narrativas convencionais e temáticas xa coñecidas ou de desenvolvemento máis previsible. A preguiza que me afastara do manuscrito foi de socato o desafío que me obrigou a comezar unha lectura que sabía que se me ía resistir coa teimosía dun cumio inexplorado. Tardei moreas de páxinas en comprender minimamente o sentido do texto. A estrutura narrativa da que falei, eses marcadores e códigos que encabezaban os parágrafos non respondían a unha escrita convencional. Pero había que seguir lendo. Albíscase unha historia, un sentido, había efectivamente un personaxe ao que lle ocorrían cousas, pero ¿que significaba toda esa sintaxe máis propia dunha linguaxe de programación que dunha novela? ¿a que xénero literario respondía o texto? Mesmo me plantexaba a pertinencia do termo “literario”. Pero por embaixo dunha forma certamente estraña aparecía un contido, unha historia que me atrapaba. A loita entre eses dous elementos, forma e contido, íase resolvendo devagar, e a medida que pasaba páxinas sentía a satisfacción de ir aprendendo unha nova lingua. Non me afacía á desacougante cláusula de xerando autotexto, sentía un desacougo fronte ao feito de ler o que cuspía unha máquina. Pero cando isto ocorre xa o protagonista da historia, Diego, tiña construído un espazo no meu entramado emocional. Diego, CODER, é un neno cun trastorno de conduta que lle ocasiona, entre outros problemas, unhas grandes dificultades de interacción social. Non “entende” a meirande parte dos códigos de comunicación que regulan as relacións das persoas neurolóxicamente típicas, por empregar o mesmo termo ca novela. O problema de CODER non me é estraño. Coñezo a algunhas persoas cun autismo semellante e sei dos problemas que teñen para interpretar as reaccións e comportamentos das persoas “neurolóxicamente típicas”. As dificultades que eu tiña para comprender esa linguaxe nada convencional do texto corría parella coa do personaxe. Os seus problemas coa interpretación do “contexto” non eran menores que os meus fronte ao “autotexto” que xera unha misteriosa máquina chamada LIDIA. Eu, como lectora “neurolóxicamente normal” tiña exactamente as mesmas dificultades fronte a unha máquina que unha persoa “neurolóxicamente atípica” fronte a persoas normais. Todo un reto para seguir lendo. Todo un recurso para comprender verdadeiramente o problema do autismo. Pero ler o texto por ser parte dun xurado condiciona o propio proceso de lectura. Séntese a obriga de vixiar non só os aspectos formais senón outros aspectos máis relacionados co propiamente literario. Entón reparo no riquísimo entramado de referencias que encabezan cada unha das sesións de autotexto. Nesas sesións, a máquina, LIDIA, constrúe o seu texto alimentándose, literalmente, dos grandes relatos: mitos, contos, lendas, relatos sagrados, películas, historias en diversas linguas, de diversas culturas e de todos os tempos. Un exercicio de transtextualidade completo no que todas as experiencias textuais teñen cabida. Metatextualidade, intertextualidade e sobre todo hipertextualidade cobran vida nunha aterradora e fantástica experiencia no que o texto ven converterse en personaxe principal. É un texto facéndose e refacéndose a sí mesmo posto que LIDIA (na súa versión cibernética ou humana) sería só un artefacto organizador que vai artellando historias (a biografía de CODER é so unha de entre a morea de textos que ten que producir na súa loita contra a desconexión) en base a outras preexistentes nunha voráxine mareante na que se albiscan sempre desacougantes finais. Nese sentido, como ciencia-ficción a experiencia literaria que nos aporta LdC é rotunda. Quedamos atrapados, mellor ditos, perdidos entre o texto porque se desfixo de socato o esquema que rexe para o lector convencional e inocente que somos todos ao abrir a primeira páxina dun libro. Aquí, pola contra, móvesenos o chan, non hai coordenadas e páxina a páxina somos cobaias sometidos a un continuo Test de Turing. Sen dúbida é unha proba de resistencia fronte a un novo mecanismo textual que se ergue non para proporcionarnos ese pracer que asociamos coa lectura. Aquí, como lectores estamos sometidos a novos xeitos de literacidade. Dende logo a autora coñece os códigos, os convencionais e os producidos pola revolución dixital, coñece moi ben as ferramentas e manuais de uso das teorías máis revolucionarias e ao poñelas a funcionar non podemos quedar indemnes. Nas mans de Cristina Pavón, somos personaxes prescindibles nun futuro que malia a súa previsibilidade non fomos quen de deseñar á medida das nosas arelas de felicidade. E para que o texto non poida temos que defendernos e albiscar unha autoría convencional, repetírmonos que o que lemos non é un produto dunha máquina que fai que pensemos nun narrador cibernético. Nunca antes un texto me obrigara a tantas mutacións: de lector a personaxe, logo a autor e narrador virtual para volver ser personaxe que quere facer unha máquina capaz do máis difícil, crear historias con emocións. A biografía de Diego –CODER– documenta ese proceso que podería ser a nosa propia evolución como lectores. Diego neno, protexido por unha nai que o axuda a interpretar os códigos, coma cando somos lectores novatos e nos enfrontamos a textos que xa outros desenfiaron previamente. Logo coñece a Belén, unha rapaza que inventa historias a partires dunha frase. Velaquí está o importante, o proceso de creación con toda a súa enxurrada de emocións que por primeira vez entende CODER. Cando desaparece a nai e máis cando desaparece Belén, CODER queda só, illado, e esquece todos os mínimos avances que tiña feito ata entón. Como cando de socato nos mergullamos nunha cultura allea, nun idioma diferente. A partires de aquí a historia de CODER é a súa teima por construír unha máquina que entenda, que o entenda, e sabe que só acadará esta meta creando un trebello capaz de contar historias. Nesta fase atopa a Lidia, a personaxe cicais máis interesante, a que nos remite á esencia dos cyborgs con que Donna J.Haraway nos describe aos seres humanos. Entidades cheas de próteses que empregan infinidade de trebellos (teléfonos, módems, lectores electrónicos, computadores…) para relacionarse co mundo. Unha teoría na que todos somos bits de información e no que o humano deixou de ser sagrado nunha contorna na que o que conta é a conectividade, sempre asegurada cun mínimo común no que atinxe a códigos, sinais e por suposto lingua. Á débeda contraída con Cristina por ternos agasallado con este texto non quero engadir a de facer unha crítica disuasoria da súa lectura, que creo que con todo o exposto ata aquí, e contra a miña vontade, pode ser o que ocorra. Así que teño que dicir que esa valentía de autora hai que premiala por moreas de razóns entre as que destacaría a rica complexidade do mundo que crea, a afouteza na incorporación de novos tipos de discurso, ao revolucionario do prantexamento, á radicalidade transformadora das convencións literarias, sobre todo no que atinxe ao rol de lector-receptor e sobre todo o de autoría, á riqueza literaria que aporta o hipertexto, á variedade de fontes coas que literalmente constrúe a historia e á xenerosidade de explicar ao tempo que fai todo isto, como se fai todo isto. ¿Que máis lle podemos pedir?

No hay comentarios: